1. Datos e alternativas da XIII Asemblea Nacional.Sen liberdade, a democracia é unha falacia. Sen unha información contrastada tampouco pode existir. E cun férreo control a deriva ideolóxica e informativa está asegurada. Non poderemos ser libres para decidir mentres a información se dea incompleta e pasada polo coadoiro do mesmo poder.
Por isto quero lembrar os datos sobre o BNG que intencionadamente se ocultaron ou se deixaron na trastenda de quen guía aínda a información pública do que nel está a acontecer. Coa intención de que a análise dos feitos sexa o máis obxectiva posíbel e coa intención tamén de que ninguén escape das consecuencias dos seus actos.
Tomo os datos ofrecidos nun interesante editorial do Terra e Tempo dixital e ao que chamo para a súa lectura: Na votación das candidaturas para o Consello Nacional, Alternativa pola Unidade obtivo o 48,76% dos sufraxios, Para un novo Proxecto Común, Refundación e Rexeneración (+G e EI), o 45,65 % e o Movemento Galego ao Socialismo, o 5,59%. Na Asemblea anterior, no 2009, o resultado fora, respectivamente, o 45,29%, o 51,59% e o 3,13%. Á vista está que se produciu un avance de Alternativa pola Unidade de tres puntos e medio e do MGS de dous puntos e medio. A importante porcentaxe obtida por "Para un novo Proxecto..." é inferior en 6 puntos á conseguida pola suma de EI e +G na Asemblea de Maio de 2009.O candidato á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, gañou cun 53,37 %, e o noso Portavoz Nacional, Guillerme Vázquez, na segunda volta, cun 53,95 %, os dous presentados pola ApU (Alternativa pola Unidade) e non pola UPG, siglas estas que, para ocultar as da ApU, polo tanto para negar a presenza maioritaria de milleiros de independentes, foron utilizadas reiteradamente como siglas da candidatura por practicamente toda a información que se deu posteriormente, incluída a dos representantes da candidatura perdedora presentada na Asemblea.
Outros datos moi distintos son os que definiron o apoio á Tese Política e Organizativa que rexerá até a próxima Asemblea Nacional. Neste caso, os apoios á tese sobre a que se configuraron os debates nas comarcas unha vez decaídas as que presentaban as outras alternativas, foron en números redondos do 70 % fronte a un 30 % (2000 fronte a 1000 nos plenos da Asemblea Nacional), cunha participación menor, pois, fronte á que se deu para a elección dos cargos de dirección (neste caso algo máis de 4000 votantes en total). Por que ocorreu isto? Pois porque a proporción de votantes que apoiaron a ApU mantense nas dúas votacións, a dos cargos de dirección e a da Tese Política e Organizativa; e a da que se presentou por Mais Galiza e Encontro Irmandiño, suma case 1000 máis cando se vota para os cargos. Estes 1000 votantes máis aparecen á hora en que se abren as urnas para as distintas votacións e desaparecen unha vez que se cerran. Igual, máis ou menos, aconteceu nas comarcas no debate das Alternativas políticas. Compróbase o mesmo interese en ApU por debater tanto as teses políticas e ideolóxicas como os representantes que as han levar a cabo como proxecto unitario. Non acontece así nos demais. Eles van a polos cargos, a controlar a dirección. De ter gañado habería que preguntarse que alternativas políticas e organizativas poñerían en práctica. En coherencia, parece unha contradición que optasen ao Consello Nacional unha vez que as súas teses políticas foron derrotadas.
2. Práctica política dos últimos anosNon foi homoxénea dentro do BNG, sobre todo desde a experiencia do goberno na Xunta. A tese que agora se defendía era a de entrar abertamente no sistema. A adaptación total a el, xa que logo. Ou divagar fronte ao altermundismo con alternativas que realmente non se plasmaron en nengún momento, porque esas eran as da Tese que eles non aprobaron. A Europa dos ladróns, o bilingüismo, a economía de mercado, a Autonomía como proceso altamente positivo, o galeguismo fronte ao nacionalismo, reconversión do BNG nun partido... rompían a ideoloxía propia do nacionalismo. E en moitos dos concellos en que gobernaba o BNG e nalgunha consellaría por eses criterios andou a cousa. Como tamén o uso do caciquismo como práctica para gañar procesos electorais internos. Na loita social, na loita cultural e idiomática, curiosamente, a ausencia dos chamados críticos era rechamante. Non nun caso: en practicamente todos.
Perdiamos o noso carnet de indentidade a marchas forzadas. A baixa electoral veu por aí tamén, porque a xente xa non sabía quen eramos realmente. Na dirección nacional tiñan maioría +Galiza e o EI, pero parece que con eles non ía a cousa, e todo o que se facía era mal da UPG, esa experta en control e dexeneración. E menos mal que tivo a paciencia suficiente para non ceder á reiterada provocación. A pesar das que lle caeron, como sempre, a Francisco Rodríguez ou Bautista Álvarez, figuras dunha práctica, coherencia e historia que non se daban precisamente en quen usaban os altofalantes. Algún día falarei deste tema con fondura. Uns traballaban (os parásitos eses, os da planta carnívora, insulto que nen o peor inimigo botou nunca); e que facían os outros?... oposición, claro, como se o BNG fose o Parlamento de Galiza cos bos nunha bancada e os malos noutra. Uns na guerra e outros dándolle ao mando no sofá. Non é críbel que todos os males sexan sempre dun sen que o compañeiro do lado teña algo que ver. E aquí, desde xa hai moito, parece que os demais foron uns anxiños manipulados e controlados con sectarismo. Lembrades unha das cousas que se estivo repetindo arreo durante o proceso inicial de ataque ao BNG, á UPG?: os maiores éxitos da Fronte déronse cando Beiras era deputado e estaba á cabeza da organización. Os peores cando el xa non estaba e controlaba a UPG. A frecha lanzada rompe por simple lóxica: como sempre mandou a UPG (consenso xeral), mesmo cando estaba Beiras no seu mollo, a etapa das vitorias e dos bos resultados sería lóxico achacarlla tamén á UPG, posto que era ela quen mandaba. Ou? Daquela é análise obxectiva a que se fai ou obxectivo de acoso a quen segue a manter os postulados unitarios e ideolóxicos do BNG sen entregarse ao sistema? Demasiado doada a busca do culpábel. E demasiado teimosa.