domingo, 21 de noviembre de 2010

Recoñecemento a XOSÉ AGRELO HERMO

"O Concello de Muros tributou onte unha homenaxe a Xosé Agrelo, no cuarto cabo de ano do seu pasamento. Un busto do galeguista, descuberto pola súa dona, e unha árbore plantada na alameda de Esteiro dan fe do recoñecemento que o pobo de Muros lle rendeu ao mestre, escritor e político nado en Noia, pero que residiu a maior parte da súa vida na vila esteirana, na que finalmente morreu.
O actor Xosé Manuel Olveira, Pico , exerceu de mestre de cerimonias da homenaxe a Agrelo, lembrando a súa etapa persoal coma alumno do finado e dicindo: «Agrelo bregouse en moitas loitas, parte delas perdidas, pero destacou especialmente na defensa da nosa lingua».
A concelleira de Cultura, Laura Eiras, leu unha pequena biografía do homenaxeado, subliñando a súa incursión no mundo literario e, en especial, a súa achega ao teatro, destacando fitos nos que Xosé Agrelo foi protagonista de relevo, coma en Candea ou en Noite de Lobos , entre outros.
Tamén o fillo do mestre, Xosé Ramón Agrelo, interveu para agradecer a presenza dos veciños e amigos, así como a iniciativa do Concello de Muros para celebrar o acto. «Meu pai tiña a maxia de deixar, en cada un dos que con el se relacionaban, unha semente, que xermolaría ou non, segundo as pretensións de cada quen», dixo o primoxénito do homenaxeado.
Obra da escola obradoiro
O alcalde de Muros, Domingos Dosil, foi o encargado de pechar o acto. Fíxoo lembrando que os alumnos da escola obradoiro foron os encargados da instalación da infraestrutura do monólito e que o menos que podía facer o Concello era perpetuar a memoria do insigne veciño Xosé Agrelo. O rexedor rematou dirixíndose ao mestre con estas verbas: «Amigo Pepe, non corren bos tempos nestes intres para o noso pobo. Pero os maiores atrancos padéceos a lingua que tanto defendiches, aínda que estou seguro de que non haberá vendabal capaz de facela esquecer».
A familia ao completo de Agrelo, coa muller e os dous fillos e netos á fronte, acudiu onte a Esteiro para participar no acto na honra de Xosé Agrelo. O público que asistiu á homenaxe departiu amigablemente cos familiares do defunto, resaltando o gran parecido que ten o busto descuberto na localidade coa imaxe do finado.
O veciño de Esteiro Rodrigo Molinos tamén participou poñéndolle voz a un fragmento dunha obra de Xosé Agrelo, mentres que a agrupación folclórica Xeitura de Esteiro encargouse de abrir o acto da homenaxe, interpretando dúas pezas populares e tamén o himno de Galicia, no momento en que se descubría o busto.
A desapracible tarde de onte, con vento e unha chuvia persistente, non impediu que amigos, políticos, concelleiros do PSOE e do BNG de Muros, así coma significados membros do nacionalismo galego, actores e literatos acudiran a este acto. Ademais, entre os asistentes figuraban veciños de Noia e integrantes da corporación municipal da terra que veu nacer ao inesquecible Xosé Agrelo." (Voz de Galicia)