domingo, 29 de abril de 2012

Vantaxes da TRAIZÓN.


A decepción ocúpame máis da metade do corpo. Demasiado para unha soa persoa. Coa figura sacrificada do traidor ninguén se quere identificar. A parte formal e poética ten mérito, pero sen acadar o premio merecido. Hai un silencio cáseque sepulcral arredor da súa misión histórica. O que vos digo, histórica, e de progreso. ¿Qué sería de nós, crentes de toda a vida, se Xudas na súa colaboración necesaria se tivera negado a colaborar a misión redentora de entregar ao Señor para sermos despois lavados da débeda que tíñamos? A ver, contestade. Andaríamos por aí, polo mundo, á deriva. 


E dando un salto atrás: Caín e Abel eran irmáns, e do mesmo partido. Coa escisión inevitable veu a loita, a traizón e a guerra, que é fonte de progreso para resolver crises. Estamos nas que estamos, porque grazas á traizón, ao esquirol, ao desleal, ao pelota as fábricas non pechan, etc., etc. 


O caso de Virato é de libro: Romanización, cultura, a repera. Quen entregou a Viriato non está nos altares porque no Imperio Romano aínda non mandaban os PPaPPas. ¿É así ou non é? Acábame de saltar a cabeza Bruto, o recomendado de César: “…tu quoque, fili mi!” En fin, non vale a pena seguir, os exemplos de sacrificio do traidor son tantos e tantos, que non me vexo capacitado para o traballo enciclopédico de contalos todos. Seguro que, entre vós, hai xente máis preparada. 


Pásovos este testigo.

sábado, 28 de abril de 2012

ESQUIROL misioneiro.


Quen minusvalore a incontrovertible contribución do esquirol á felicidade humana, que é a verdadeira meta do progreso, é por malicia, por ignorancia ou poque se equvoca. Estamos a medio paso do 1º de maio, exaltación do traballo e da clase traballadora. ¡Miúdo disparate! Unha festa para celebrar unha condea bíblica, cando a ocupación trae diñeiro á casa, dá de comer ás formigas e reparte riqueza. Déixoo quedar aí, de momento… Porque xa me acelero.

Un home con visión de futuro, Franco (sen ir máis lonxe) tratando de ser máis PPaPPista que o PPaPPa, deu o paso seguinte e cambiouna, daquela, por San Xosé Obreiro, un artesán certamente, pero por conta PProPPia, sen convenio regulador, sen un horario fixo, sen dereitos sociais, sen seguro ningún antes da PPresente reforma que llos outorga todos, é dicir, aínda que o de santo de toda a vida non se lle discute, estaba fóra de prazo ou á marxe do sistema. Por iso xa o desterraron ata do calendario.

As cousas, cando son comedidas, aburren. Este esquema estaba, polo tanto, condeado ao fracaso. E aquí entra, arrasando, a cabalo, o esquirol pisando forte para restablecer a selección natural nunha harmonía cósmica que enriquece aos xordos. Parece contradictorio nos termos, e sen embargo non o é, senón moi ao contrario. Eso compréndeno perfectamente os oPPerarios que apoian á dereita e se deixan matar polas PPromesas “da envexa igualitaria” de Mariano Rajoy. A economía mundial está, como todos sabedes, en man das axencias calificadoras da débeda, das grandes corporacións, e os Zapateros de turno aquí non PPintan nada. O esquirol pensa, fala e serve ás leis do mercado coa fidelidade dos cans de palleiro, que, por certo, son os mellores gardiáns contra o vendaval, contra o raposo e a marta.

Xa se ve por onde vai a reflexión matutina, pois nesta viaxe realista embarco as miñas palabras no barco de papel a navegar, a todo trapo, onde o esquirol xa fai de capitán sen parche de pirata.

E cambiando de terzo, nunha segunda parte de filosofía chinesa, indo e vindo do global ao particular e partidario, a ver se xunto un ripio:


Competir por esquirol
Só convence ao submarino:
Contubernia en ollomol,
Periscopia en caracol,
Pastorea en langostino.

Moralista en camerino,
Ético irmán do charol
Tuneado no formol,
Subastado por porcino,
Cabaleiro…, e celestino.

Casamenteiro da col,
Compositor de caprino.

(Rioderradeiro)


A que non era para tanto…